InicioEn Profundidade"Sigo en Sargadelos, empuxando; hai moito que empuxar para que isto siga...

“Sigo en Sargadelos, empuxando; hai moito que empuxar para que isto siga andando”

Coincidindo co centenario de Díaz Pardo, libérase o seu epistolario con Seoane, que documenta as frustracións e as conquistas dun proxecto industrial único na historia de Galicia

Publicada o

- Advertisement -

A odisea foi tan xigantesca que nalgúns momentos non se albiscaba terra firme, nin de ida nin de volta. “De volta de Valencia estiven na obra”, contaba Isaac Díaz Pardo a Luís Seoane nunha carta datada en abril do 1968, “estaban coa última placa do teito. O malo é que a cantidade de cousas que se me bota enriba comeza a poñerme nervioso. Creo que o máis sano e estético é marchar a Vietnam a matar yankees e aliados deles”, espetou. Pero por riba das dificultades estaba a visión, a convicción absoluta: “non me interesa Sargadelos como un negocio persoal meu senón como unha empresa superior destinada a afianzar a personalidade artística de Galicia e a fomentar traballo nun recuncho dela”, escribía catro anos despois.

CONVERSA ULTRAMARINA

Coincidindo co centenario do nacemento de Díaz Pardo, o Consello da Cultura Galega (CCG) vén de liberar do seu arquivo o epistolario entre o artista e empresario, Fillo Adoptivo do Concello de Cervo, e Seoane, un total de 330 cartas dispoñibles na web que abranguen un período histórico de 22 anos -entre 1957 e 1969- e nas que, como admite o historiador e catedrático Ramón Villares, “Sargadelos é o grande protagonista”. Das máis de trescentas misivas, case a metade -150- falan da concepción, construción e xestión dunha marca que resultou un dos grandes fitos da cultura galega no século XX. A correspondencia ultramarina entre os creadores, dado que Seoane residía en Bos Aires, deixa testemuño das dificultades para levar a cabo un proxecto que resultou unha epopea.

DAS 330 CARTAS DO EPISTOLARIO, 150 VERSAN SOBRE SARGADELOS

A CONCEPCIÓN

Na primeira misiva do epistolario na que se esboza a idea, datada en maio do 1964, Díaz Pardo laméntase do impacto da emigración sobre o persoal feminino. “A semana pasada veu un inglés a reclutar cen rapazas entre 18 e 25 anos”, escribe Isaac desde A Coruña, “merece a pena pensar en Sargadelos con este panorama?”, pregúntase.

“A idea de Sargadelos xurde a principios dos 60, aínda que é posible que na mente de Isaac estivese xa de antes. El fora unha sorte de discípulo de Bello Piñeiro, que estaba namorado da historia da antiga fábrica e da figura de Raimundo Ibáñez, polo que todo aquilo éralle algo moi próximo. A partir de aí, hai unha vontade de empatar con aquela tentativa de industrialización”, explica Villares, “unha idea compartida que se reflicte no epistolario de transformar a cultura, a imaxe e a industria de Galicia nunha dirección moderna pero sen renunciar á identidade“.

“hai que exaltar galicia tentando espertar a xenialidade da súa xente” (seoane)

“A idea foi incubada a partir da experiencia da fábrica de cerámica da Magdalena, na Arxentina, tanto da traxectoria empresarial da factoría como do feito de que comezara a haber problemas cos socios. A principios dos 60 Seoane e Díaz Pardo comezaron a falar de Sargadelos. Naquel momento había en España máis oportunidades, nun contexto de desenvolvemento económico e emigración, cun mercado máis aberto, que neste país americano”, resalta o historiador.

Mural de Seoane en homenaxe a Raimundo Ibáñez. AXM

OBXECTIVOS

Nunha carta do 1964, Seoane concreta os obxectivos: unha arte, unha industria, capaz de sintetizar un acervo cultural galego e estimular a súa evolución.

“Hai que exaltar Galicia tentando espertar a xenialidade da súa xente manifestada en tanta obra escondida durante séculos ou só oculta polos estudosos. Valorala. Ía escribir poñerlle prezo, porque na nosa sociedade, que temos que sufrir, só se estima o que ten prezo. Estás a facer un traballo moi importante, extraordinario, coa fábrica e no teu exemplo hai que encher Galicia de pequenas fábricas nas que a habilidade e os coñecementos herdados da xente atopen o camiño para novas iniciativas. (…) Ao folclore deféndeno os chamados tradicionalistas. Nós debemos tentar utilizalo como principio, nada máis, dunha nova obra de arte, aproveitando ao máximo, en cambio o oficio que fai posible o seu perduración no tempo. Como camiño para o futuro; sabendo que garda nas súas entrañas a orixinalidade diferenciada dun pobo”, precisa.

A partir de entón, xurdiu un proxecto común que Seoane forneceu de ideas e que Díaz Pardo asumiu en corpo e alma. “O epistolario amosa unha correspondencia entre iguais; non se trata aquí de que un pensa e outro executa, porque Isaac era un artista tamén, aínda que é certo que estaba máis contaminado polos problemas concretos da práctica”, sinala Villares.

COMPRA DOS TERREOS

Os problemas a superar comezaron coa propia adquisición dos terreos. En outubro de 1967, só seis meses antes do inicio previsto da actividade, Díaz Pardo relátalle a Seoane que “estiven en Sargadelos para concretar a compra deses cachos de parcelas que faltaban”.

A PLANTA CIRCULAR, UNHA CATEDRAL CELTA

Antes, no 1966, percíbense os altibaixos emocionais froito da dificultade de proxectar a propia fábrica. En agosto, a esperanza: “ando a voltas co anteproxecto con Albalat. A idea creo que vai por bo camiño e creo que che gustará”, relata Díaz Pardo. En novembro, as ganas de abandoar ante os escasos avances: “o arquitecto é bo pero unha calamidade. Falta o desenvolvemento do proxecto e a súa solución técnica”, indica Isaac. Seoane responde en decembro: “para que queres que me ocupe de Sargadelos se ti pensas quedar en Magdalena? A min interésame este asunto na medida de que ti esteas comprometido con el. Penso que renuncio a Galicia. Loitei durante 40 anos por ela desde estudante e penso que xa non podo máis”, lamenta.

“renuncio a galicia. loitei durante 40 anos por ela e non podo máis” (Seoane)

O impulso puido máis e co paso dos meses, aquela catedral celta, o símbolo de Galicia feito arquitectura que proxectaban, foi tomando forma. En outubro de 1967, Díaz Pardo mostrábase máis comprensivo con Albalat, que “está a punto de volverse tolo coa cantidade de cousas que ten entre mans”, e advertía do inicio da construción. Sería inaugurada o 10 de maio de 1970, hai algo máis de 50 anos.

Boceto da planta circular. SARGADELOS

“A planta circular é unha obra moi moderna que pensan entre Díaz Pardo e Albalat, Isaac como xestor e executor do proceso. Estaba a pé de obra, podía ser albanel, pintor e arquitecto, durmía en Sargadelos”, remarca Villares.

ATRASOS NA CONCESIÓN DE LICENZAS

Díaz Pardo padeceu, como documentan as misivas, o estrés motivado polos atrasos non xustificados por parte da Administración franquista á hora de conceder as licenzas necesarias para iniciar a actividade empresarial. “Sargadelos segue sendo unha empresa clandestina sen cupo de combustibles”, relataba Isaac en novembro de 1969, case un ano despois de comezar a produción, e nun momento no que malia á dificultade da empresa, aquel home pequeno aínda tiña forza para a creación: “fixen seis xarras/esfinxes para o Castro e outras seis para Sargadelos”, escribía.

“SARGADELOS É UNHA EMPRESA CLANDESTINA SEN CUPO DE COMBUSTIBLES” (DÍAZ PARDO)

A frustración polos atrancos síntese nas cartas, nas que Díaz Pardo insinúa que hai intencións de frear a industrialización da provincia. “A quen interesa isto? Pode haber unha coincidencia de intereses que protexan tal situación. (…) Por que crear outro centro de dispersión industrial gastando enerxía eléctrica e molestando unha área tan propicia para a gandería?”, argumenta.

“Tíñano moi difícil. Detrás no estaba o Banco Pastor, nin o grupo Pescanova. É posible que houbese un certo bloqueo, non queda moi claro. Isaac era moi sensible ás limitacións de carácter administrativo, non as entendía moi ben. É evidente que a Administración non favoreceu gran cousa”, admite Villares. “Todo foi feito a puro esforzo persoal; o que asombra é que chegase a ser unha fábrica que deu ocupación a moita xente na comarca, especialmente mulleres” que tiveron na fábrica a súa primeira experiencia laboral.

OS INICIOS

Esther Segurado levaba toda a cuestión administrativa. Manola Segurado veu para decoración, Fina Santos, elas foron as primeiriñas de todo. Rafael de Cándido era o encargado, Suso Pereira nos fornos, Pepe de Pallares estaba no taller, e tamén Lalo Gradaílle. Eles estiveran antes traballando no Castro. Ese foi o primeiro equipo de Sargadelos”, resumía a man dereita de Díaz Pardo, Xosé Vizoso, deseñador da marca durante décadas. O grupo empresarial chegaría a dar traballo a 245 persoas, antes da crise que viviu a principios do século XXI.

“a quen lle interesa este freo? por que crear outra industria nun terreo propicio para a gandería?” (díaz pardo)

CONXUNTO HISTÓRICO-ARTÍSTICO

“Sargadelos, actualmente, segue vivindo diso, dese esforzo descomunal de Díaz Pardo”, indica Villares, que lembra que o creador “lograría con Ramón Falcón e Álvaro Gil unha protección específica para Sargadelos como conxunto histórico-artístico que foi unha consecución moi importante, porque lle deu unha dimensión patrimonial ao antigo Sargadelos que en parte se transferiu ao novo”.

“Durante o franquismo houbo tres grandes proxectos culturais en Galicia. Un é o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Outro foi Galaxia, que nos 50 naceu como un referente. E o terceiro foi o grupo Sargadelos, cunha dimensión máis próxima ao exilio e ao mundo americano, que resultou unha auténtica empresa de xeración de riqueza, pois todo o que se facía estaba baseado na venda de porcelana manufacturado nas súas fábricas, e porque tiña un proxecto estético absolutamente elaborado. É dicir, que é un proxecto máis complexo, difícil, e penso que con maior máis influencia que os outros dous nun momento determinado, algo verdadeiramente excepcional na historia de Galicia”, resume Villares.

PROBLEMAS CO FISCO

Coa fábrica en marcha, seguirían os problemas coa Administración franquista, neste caso co fisco. “Aí temos a Facenda de Lugo disposta a darlle un ataque frontal. Utilizando simplemente a suposición, e naturalmente unha invención malintencionada, pretenden algo que acabaría coa empresa antes de final de ano”, resume Díaz Pardo no 1970. As autoridades franquistas recelaban de Sargadelos alegando non saber de onde saía o diñeiro para o proxecto.

“aí temos a facenda disposta a darlle un ataque frontal. podería acabar coa empresa antes de final de ano” (Díaz pardo)

PLEITOS A NIVEL INTERNO

Finalmente, no último período do epistolario, desde o verán do ano 70 en diante, Díaz Pardo avanzaba unha problemática que se deu con todo o complexo industrial e cultural nos últimos anos da súa vida. “Andamos con mar de fondo na estrutura económico-financieira do Castro Sargadelos, resucitándose nalgúns sectores as ambicións de querer máis. Todo toma como punto de partida a terminación do financiamento da operación Sargadelos, que pesa abrumadoramente sobre o Castro cunha presión de tolemia extraordinaria da Facenda Pública. A operación Sargadelos custou en pesetas 18 millóns, pero, naturalmente, nestes momentos Sargadelos vale máis de 30 (e penso que me quedo curto) e esa cifra é a que debe ter en conta calquera que soñe con ampliar o seu capital”.

OS DÍAS FELICES

Todas estas preocupacións dos fundadores, especialmente de Díaz Pardo, do que en certos momentos se percibe unha certa sensación de soidade ante o enorme proxecto, unha visión que se palpa no tardío desencontro con Seoane, mestúranse cos bos momentos dun grupo empresarial que experimentou alomenos trinta anos sen freo, cunha velocidade de cruceiro.

“o TEU DEBUXO DO POLBO PARA A PILETA É UNHA MARABILLA EN TODAS AS ORDES CONCEPTUAIS E INTERPRETATIVAS” (DÍAZ PARDO)

A “PILETA”

Pileta: habería que buscarlle un nome máis consecuente”, arrinca Isaac en xaneiro do 1972. “O lugar chámase Rato e do río que se vai tomar a auga, Xunco. A pileta xa está escavada a golpe de dinamita e de topadora, con 33,33 metros por 15 metros, en forma rectangular”, avanza. Seoane faría inconfundible a Pía do Xunco, exemplo do labor social de Sargadelos, co mosaico dun polbo que “é unha marabilla en todas as ordes conceptuais e interpretativas”, descubríase Díaz Pardo. “En base a aquela rapaza, Finiña, que baila tan ben a muiñeira, estase formando un conxunto que quere facer unha actuación no día da inauguración”, informa.

Complexo industrial de Sargadelos. SARGADELOS

OS CURSOS

En verán desde 1972 Díaz Pardo relataba outra das grandes innovacións de Sargadelos, a escola libre de cerámica. “Temos xente de todas as latitudes, desde Xapón pasando por dúas profesoras que exercen na Arxentina. Castro Arines cre que pode ser o máis importante que se fai no mundo da investigación e do ensino”, expuña. Seoane “contraatacaba” con máis ideas: “faltan algúns temas; por exemplo un cursiño anual sobre alimentación, papra que a xente deba coñecer o valor que a súa terra produce”.

“cren que a escola libre de cerámica pode ser o máis importante que se fai no mundo neste terreo” (díaz pardo)

VIETNAM, OS BEATLES, O CHE

No intenso epistolario entre Díaz Pardo e Seoane tamén teñen oco temáticas e símbolos do xa mundo global dos 60: o mencionado Vietnam, pero tamén os Beatles ou o Che Guevara. E os conflitos familiares e internos dos fundadores, que os humanizan ata case poder tocar a carne e os ósos dos creadores.

“Sigo en Sargadelos empuxando. Hai moito que empuxar para que esto siga andando positivamente”, escribía Díaz Pardo en marzo do 1971. Normal que custase; movía o granito da historia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...